Exposición temporal, de carácter divulgativo, retrospectivo e histórico, arredor da figura de Pelúdez, personaxe ficticio con gran relevancia nas festas patronais da cidade de Lugo, declaradas de Interese Turístico Nacional no ano 2006.
A través dos fondos do Arquivo do MPL, principalmente do arquivo persoal do finado periodista José Trapero Pardo, cuxa documentación se conserva e custodia nesta institución desde os anos 90 do século pasado e despois dun minucioso estudo, valoración e escolma de documentación, amósase a historia e vicisitudes de Pelúdez, coincidindo coas datas na que se celebra o San Froilán e o nacemento deste persoeiro, no ano 1908, da man de Antonio de Cora. A día de hoxe é José de Cora quen lle da voz facendo unha crónica con moita retranca e sarcasmo ao relatar o día a día do San Froilán en El Progreso.
O obxectivo fundamental desta exposición é visibilizar o fondo arquivístico de Trapero e coñecer a Pelúdez. Ofrecendo así mesmo imaxes e documentos inéditos e outros creados para esta ocasión, como é o soneto de Marica Campo.